
Cando gobernou Azaña non había fame en España
Cando gobernou Negrín o pan tiña serrín
Cando gobernou Mola para comer pan había que facer cola
Cando gobernou Franco non había pan negro nin branco
Manuel Pérez Vázquez
Nesta liña do tempo podes facer un percorrido sobre a presenza do pan nos principais feitos históricos
Orixe
“A orixe do pan é o gran, e a orixe do gran é o Neolítico”, sinala Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia na Universidade de Santiago de Compostela e especializado na historia das sociedades rurais e cambio tecnolóxico agrario. Para saber de onde vén este alemento tan importante dentro da gastronomía galega, hai que remontarse milleiros de séculos atrás, cando os seres humanos deixaron de vagar polo mundo en busca de alimento e descubrían a gandaría e a agricultura.“
Dende os inicios da poboación, o home beneficiouse dos distintos tipos de cereais para fabricar un alimento básico, o pan”, asegura a historiadora Manuela Santalla en Muíños, fornos e pan de Neda. “Os cereais en Galicia documéntanse nos inicios da cultura castrexa (séculos XVIII- XVII a.C)”, relata a autora. Entre estes cereais atópanse o trigo salvaxe, o millo miúdo ou a cebada.
Non obstante, para comezar a falar de pan temos que remontarnos o século V a.C., cando estes cultivos de cereais evolucionaron ata converterse nunha materia prima idónea para o amasado. Segundo sinala Santalla, o trigo foi o cereal máis empregado para a elaboración de pan e outros produtos como galletas ou pastas.
Este proceso, nun comezo, elaborábase cuns morteiros de man rudimentarios cos que se facía a fariña para, despois, xuntala con auga e amasala tendo como resultado, tras cocela no lume, un pan sen fermento coñecido como pan ácimo.
As melloras técnicas e as ferramentas provocaron que fose aumentando o cultivo durante a Idade Media, facendo que este alimento adquirise unha gran relevancia. Aínda que, a partir do ano 1492, coa chegada do millo de América, co tempo foi cambiando o sistema de cultivo achegando novas variedades de cereal e substituíndo outras autóctonas como o millo miúdo, que caeron en desuso, tal e como explica a autora de Muíños, fornos e pan de Neda.
Comezos do século XX: a historia máis recente do pan
Lourenzo Fernández Prieto explica en que consistía a "condena a pan e auga"
A historia do pan, ata converterse no alimento que hoxe coñecemos, pasou por un longo proceso de evolución que fixo que este alimento, en lugar de desaparecer, fose aumentando a súa presenza na sociedade ata converterse nun dos produtos máis importantes para o noso pobo. Lourenzo Fernández explica a importancia deste alimento na nosa sociedade, asegurando que é o único que podemos tomar e que nos mantén vivos, só coas súas propiedades. De aí vén segundo nos conta o historiador a chamada “condena a pan e auga”.
Mostras da importancia deste alimento quedaron gravadas na hemeroteca dos antigos xornais, que decenas de anos atrás foron testemuña do papel do pan para os galegos. Algunhas destas referencias históricas atópanse en xornais como A Voz do País, un semanario rexionalista que o 14 de abril de 1912 publicaba unha editorial onde criticaba os altos prezos que tiña o gran importado e explicaba a necesidade de desgravar os aranceis. Denunciaba que o alto custo desta materia prima impedía que os galegos puidesen consumir o pan na súa dieta e usalo como alimento para o gando. Ao non producir Galicia o suficiente cereal como precisaba, reclamaban a libre entrada deste produto sen aranceis, pero acusaban ao poder central de non concederlle esta autonomía a Galicia, prexudicando, así, a subsistencia da poboación .
Grazas tamén a este artigo coñécese a cantidade de cereal que se importaba daquela no país, arredor de "20.000.000 de Quilogramos de millo e 700.000 Quilogramos de centeo". Produtos de “capitalísima necesidade”, tal e como indican na editorial e que os galegos tiñan que pagar dos seus petos. Tal era a importancia destes artigos que dende a redacción do xornal alegaban que a falta de pan accesible obrigaba a moitos mozos e mozas a emigrar, denotando así a importancia do pan máis aló do alimento, que logrou traspasar as esferas da dieta para converterse nun asunto político.
Nesta imaxe interactiva podes ler unha transcrición do artigo "Problema Gallego", publicado en A Voz do País
Ademais de produto principal no día a día dos galegos como parte central da súa alimentación, o pan tamén trouxo consigo novas tarefas do campo que supuxeron unha fonte de ingreso en moitos fogares galegos. Debido ás grandes producións que había de cereal en Castela, moita xente de Galicia ía á sega ás chairas castelás, alí traballaban durante a tempada da recollida do pan e logo volvían.
Non obstante, a sega nunca foi un traballo doado, moitos desprazábanse a pé e botaban alí temporadas traballando para volver con pequenos xornais e así manter as súas familias. A poeta galega Rosalía de Castro dedicou un dos seus poemas máis coñecidos a describir a situación de penuria que vivían moitos galegos que ían a Castela.
Aquí podes escoitar un fragmento do poema "Castellanos de Castilla" de Rosalía de Castro
A poeta galega Rosalía de Castro narra no seu poema "Castellanos de Castilla" como era a vida dos homes que ían á sega e describe as situacións precarias que vivían estes galegos facendo referencia aos escasos xornais (soldos) ou ás malas condicións do traballo. Esta realidade vivírona moitos galegos ata non hai moito, pois a comezos do século XX , ata antes da Guerra Civil, aínda eran moitos os que marchaban ás chairas centrais en busca de sustento. Xa non só o pan era o seu alimento; senón que tamén era o seu traballo.
Bernardino López non viviu eses tempos, pero si coñece experiencias familiares. O irmán de súa nai, Manuel López Touzón, alcumado “Tío Pérez”, foi un deses homes que cada ano marchaba a pé cara Castela unicamente coas súas zocas e a súa fouce.
Bernardino López sobre a sega
A Guerra Civil e a Posguerra
“Por las armas, la patria, el pan y la justicia”, ese era un dos lemas do bando nacional durante a Guerra Civil; un conflito no que a importancia do pan foi tal que se converteu en propaganda para o bando Nacional nos numerosos carteis propagandísticos que izaron as cidades españolas durante este enfrontamento bélico. Non cabe dúbida de que se hai un feito que marca un antes e un despois para o noso pobo no século XX é a Guerra Civil, que comezou o 17 de xullo de 1936 e puxo fin á II República.

Imaxe de Gtres
Galicia formaba parte do bando dos sublevados e, pese a que este tiña o control das zonas de cultivo, a poboación sufría unha escaseza deste alimento debido á situación precaria, un dos motivos estaba relacionado coa repartición dos recursos (como o pan) para o sustento do exército. Esta falta de recursos estendeuse por todo o país, independentemente do bando. Istas circunstancias comezaron a agravarse durante o 1938, ano no que tamén se dan os bombardeos de pan na cidade de Madrid. Por aquel entón, en España sufriuse unha carencia de pan e ó mesmo tempo unha subida do prezo deste alimento, que prexudicou o día a día da poboación civil. Segundo Cándido Ruíz González, no seu traballo Alimentación y estraperlo durante el Primer Franquismo en la comarca de Toro (1936-1941), no abastecemento de pan para o exército mantivéronse os prezos. Deste xeito, a poboación civil viviu unha gran fame.
Lourenzo Fernández Prieto sobre o racionamento
Nesta imaxe interactiva poderás descubrir un pouco máis sobre como eran as cartillas de racionamento. As imaxes foron cedidas por Tania Vázquez García
Finalmente a guerra civil española rematou o 1 de abril de 1939 e con ela deuse inicio a un período case tan cruento como o propio conflito bélico. Tras o desastre dos bombardeos chegaron as grandes fames da poboación, os campos de cultivo inutilizados e grandes inclemencias temporais empeoraron aínda máis a situación, concretamente, o ano 1940 é coñecido como o ano da fame. Ante as terribles circunstancias que vivía a poboación, o estado decide seguir o modelo do racionamento, que tal e como explica Lourenzo Fernández, foi un proceso común en Europa despois das guerras.
A través dunha Orde do Ministerio de Industria e Comercio do 14 de maio de 1939 estableceu un sistema de racionamento para os artigos esenciais e poder asegurar o abastecemento. Deste xeito fíxanse unhas cantidades insuficientes para manter en boas condicións á poboación. A barra de pan que lles entregaban é definida por Bernardino López como unha “media merenda”.
Os produtos comezan a estar intervidos polo estado; concretamente no caso da fariña, o Servizo Nacional do Trigo rexistraba as casas e, aqueles agricultores que podían, escondían o trigo para non entregalo. Por medio de actividades coma esta, tivo lugar unha vida ó marxe da legalidade marcada polo estraperlo. A xente tentaba subsistir comerciando e intercambiando produtos nunha economía somerxida que, dada a situación, estaba xustificada como unha medida de necesidade.
O estraperlo deu lugar a numerosas vivencias coma a que relata Bernardino López, cuxo sogro viuse na obriga de realizar un percorrido de case 18 horas camiñando pola noite para poder conseguir pan estraperlado e así manter a unha familia de oito fillos, aos que a cantidade estipulada polo estado éralle insuficiente. Con estas actividades, estas persoas arriscábanse a ser detidas polas autoridades, que os golpeaba e lles requisaba o alimento, xustificando que debía ser entregado á caridade. Non obstante, a poboación mantiña a crenza de que todo o produto confiscado polas autoridades era repartido entre os propios garda civís.
Bernardino López e as súas vivenzas do estraperlo
A pesar de que o racionamento desaparece na década dos 50, o estraperlo mantívose durante case toda a etapa franquista xa que ó final terminou por ser un negocio produtivo para moita xente. Moitos tendeiros aproveitaron a situación e necesidade da xente para amasar grandes riquezas, mantendo esta actividade no tempo.
O papel da muller
O pan como elemento básico no día a día dos galegos resulta algo evidente, pero existe unha personaxe de gran importancia que non se debe esquecer: a muller. Durante a nosa historia, os roles de xénero eran de grande importancia á hora de repartir as tarefas. Segundo se relata en Cousas de mulleres: campesinas, poder y vida cotidiana de Lourdes Méndez, mentres que o feito de segar, sementar e colleitar os cereais era algo tanto de homes como de mulleres, amasar o pan era algo maioritariamente feminino.
Bernardino López sobre o papel da muller
Non obstante, a relevancia do papel feminino na produción do pan é algo que resulta evidente, pero faise moito máis claro en episodios como os que conta María Jesús Souto Blanco en: Una revuelta de hambre en la Galicia del primer franquismo: O Salviñao. O Saviñao, un municipio da provincia de Lugo, que centraba a súa produción nos cereais e viño. “Segundo as autoridades de abastecementos, a gran extensión dedicada ó cultivo de cereal no Saviñao, debía cubrir en parte as necesidades da provincia lucense”. Durante o 1946, Lugo pasou por un ano de gran escaseza en canto ás colleitas, feito que provocou un gran conflito dentro deste concello ó verse na obriga de sustentar a todo o territorio.
O día 2 de maio chegou ó pobo un camión, propiedade de “El Picante”, un home que tiña fama de estraperlista. Máis de 150 mulleres levantáronse contra el mentres o alcalde e os demais homes eran “meros espectadores” dos feitos. Ó día seguinte o camión volveu a presentarse con 14 gardas civís que debían protexer a recollida do gran. Novamente, as mulleres, esta vez acompañadas por un grupo de nenos, trataron de impedilo, aínda que foi algo inútil debido a que os gardas cargaron contra as mulleres. Elas pedían o pan pola fame que se estaba a pasar berrando: “queremos que nos entreguen ao Picante, que leva o pan para estraperlar”.

Revolta en As Encobras
Imaxe do xornal Praza
As revoltas por parte das mulleres non eran un feito illado, pois houbo exemplos en Trasancos coa Revolta das Pedradas; revoltas do pan en Narón ou o conflito en As Encrobas. María Jesús Souto Blanco asegura que a importancia do papel feminino dentro deste tipo de protestas era algo habitual en Galicia debido a que as mulleres representaban unha figura marcada polas necesidades familiares e defensora dos intereses materiais. Desta forma, as mulleres son unha figura que non pode pasar desapercibida dentro da historia do pan tendo a súa propia historia con miga.
Bernardino López sobre como cambiou o valor do pan no tempo ata hoxe