
A San Pantaleón,
para que nolo saque bon,
e a San Vicente,
para que nolo acrecente
Dito popular
De Rodeiro á casa real
O pan sufriu unha enorme transformación ao longo do tempo. A innovación foi sempre constante, probando novos ingredientes ou formas que foron cambiando a cultura do pan ate os nosos días
O pan galego é un dos máis valorados hoxe, incluso, a nivel nacional pola súa calidade; por iso non é de estrañar que o pan que se consome en Zarzuela saía dun forno galego. Un produto do século XXI feito con todos os segredos tradicionais do arte de facer pan. Dende un pequeno recuncho de Galicia, en Rodeiro, a Panadería Juan elabora o pan que comen os reis, unha anécdota que pon de manifesto a calidade que ten este alimento feito na nosa comunidade.
Neste vídeo Ana María Ledo cóntanos un pouco como xurdiu esta iniciativa.
Indicación Xeográfica protexida
A Indicación Xeográfica Protexida (IXP) é a encargada de designar determinados produtos agrícolas ou alimenticios cunha orixe determinada e gran calidade e reputación. O caso máis famoso é o do Pan de Cea, elaborado no municipio de San Cristovo de Cea (Ourense) dende tempos moi remotos que ten moita fama debido a súa calidade. O Pan de Cea conta dende o ano 2004 coa IXP, sendo o primeiro pan de Europa en obtela.
Aínda que o Pan de Cea fora o primeiro en ser recoñecido por esta indicación, hai que recalcar que o 20 de decembro de 2019 o Diario Oficial da Unión Europea engadiu o Pan Galego, e as súas características, ó rexistro de denominacións de orixe protexida. Desta forma, o Pan Galego é recoñecido como o quinto pan artesanal de España mentres que o de Cea é o primeiro.

Selo da Identificación Xeográfica Protexida, Pan de Cea