
O muíño moe e moe, pero non bota fariña fora,
o ladrón do muiñeiro sabe un cantar que namora.
Dito popular
Elaborar o pan hoxe:
tradición e modernidade
Non cabe dúbida de que o pan é unha peza básica na gastronomía galega. Incluso hoxe en día na nosa comunidade non hai tenda ou supermercado no que non atopemos cestas repletas de pan de distintas formas e tipos.
O pan leva connosco dende que as civilizacións deixaron de ser nómades para asentarse. Con elas comezou a historia deste alimento que quizais sexa un dos de maior antigüidade, sufriu moitos cambios e adaptouse aos distintos tempos para ser o produto que hoxe coñecemos.
Aínda así, o que predomina nas grandes superficies é o pan industrial, un produto procedente de panificadoras e que moitas veces vén conxelado, polo que non é preciso nin un forno de leña para poder preparalo. Un alimento que se adaptou aos estándares marcados polo fast food: fácil, rápido e barato.
Non obstante, segue a haber moita xente que prefire o pan “da casa”. Nos últimos anos son moitas as panaderías que decidiron apostar por este produto máis “caseiro”. A tradición asegura que para facer un bo pan hai moitos segredos, deses que se van transmitindo de xeración en xeración. Hoxe é difícil atopar xente que faga o pan na casa ou que coñeza todos os misterios deste alimento. Dende o fermento ata a cocción son moitos os pasos que hai que seguir para ter un bo produto. Unha receita, a simple vista, sinxela pero na que inflúen outros moitos factores como a fariña ou a propia leña. E ti sabes como se fai o pan?
Elida Mesejo é unha panadería de Carballo, que decidiu apostar por cocer o pan seguindo a tradición, a pesar de utilizar algúns dos avances tecnolóxicos para facilitar o traballo. Descubre todos os segredos no seguinte vídeo.
Tania Suárez Alonso, actual propietaria da Panadería 'Élida Mesejo', un negocio que xa fora da súa avoa.
Neste vídeo explícanos como fan o pan nesta panadería de Carballo.